A Cooperativa

Nosa Enerxía é unha cooperativa de consumidores e usuarios, e polo tanto, é unha entidade onde os socios e as socias se organizan para consumir os produtos e servizos que desexen, nas condicións que estas determinen.

O obxecto de Nosa Enerxía é a comercialización de enerxía de orixe renovable a todos aqueles socios/as da cooperativa, proporcionando un servizo de calidade a un prezo xusto.

A cooperativa artéllase como unha organización sen ánimo de lucro, é dicir, que todos aqueles beneficios ou excedentes que obteña a cooperativa pola súa actividade, non se reparten entre os socios da mesma, senón que se reinvisten na cooperativa, na comunidade ou en aquilo que decida a asemblea de persoas socias.

Por que Nosa Enerxía?

Actualmente vivimos nunha sociedade na que os principais fornecedores de enerxía son os combustibles fósiles, e polo tanto, fontes de enerxía non renovable que contaminan, degradan e destrúen o medio ambiente no que vivimos.

Parece evidente que se vai chegar a unha situación na que as fontes de enerxía non renovable non van cubrir as necesidades básicas de enerxía das persoas, polo que é preciso un cambio xeralizado dende as enerxías non renovables cara a eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

O proxecto de Nosa Enerxía xorde en Galicia pola iniciativa dun grupo persoas que aposta por un novo modelo de xestión enerxética, onde as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a promoción da economía local, a transparencia e a xestión democrática sexan as bases deste novo modelo.

Para a posta en marcha e fortalecemento desta iniciativa cómpre que cada un de nós poñamos o noso gran de area, deste xeito, poderemos facer da cooperativa unha ferramenta dinámica que permita a evolución cara a un sistema enerxético sustentable.

Que facemos?

A actividade da cooperativa organízase en tres grandes áreas:

Área de Comercialización

A comercialización de enerxía é a actividade principal da cooperativa, polo que esta área ten como tarefa subministrar a enerxía eléctrica de orixe renovable entre as persoas socias da cooperativa. De forma complementaria, desenvolveranse todas aquelas tarefas necesarias para un funcionamento axeitado desta área, como por exemplo, xestións no sector eléctrico, tramitación de facturas, atención ás persoas socias, etc.

Área de Xeración

Cando dispoñamos de suficiente capacidade económica, a cooperativa promoverá proxectos de xeración de enerxía renovable, coa finalidade de producir o 100% da enerxía que precisemos. As funcións desta área van consistir en formular, estudar a viabilidade, executar e administrar os proxectos de xeración de enerxía renovable.

Área Social

Somos unha cooperativa socialmente responsable, non só coas nosas persoas socias, senón tamén coa sociedade da que formamos parte, polo que, na medida das nosas posibilidades, traballamos para acadar un desenvolvemento sostible da contorna na que actuamos.

Deste xeito, esta área é a encargada levar a cabo todas aquelas accións que melloren a calidade de vida das persoas e do medio ambiente, por exemplo, a formación no uso racional da enerxía, a posta en valor do medio rural e natural, etc.

Como nos organizamos?

A asemblea xeral é o órgano máis importante de expresión da vontade social. Consiste na reunión das persoas socias da cooperativa, constituída co obxecto de deliberar e tomar decisións sobre a política xeral da mesma. Cada persoa socia ten un voto, independentemente do capital que achegase á cooperativa.

O consello reitor é o órgano de xestión e representación da cooperativa, e polo tanto, desenvolve as tarefas ordinarias da cooperativa, aplicando e respectando as decisións acordadas na asemblea xeral.

A día de hoxe, o consello reitor está formado polas seguintes persoas:

  • Presidente: Juan Pablo Álvarez Fernández
  • Vicepresidente: José Ramón Conde Rodríguez
  • Secretario: Ángel Montero Campos
  • Tesoureira: Generosa Gey Piñeiro
  • Vogal 1: María José Grobas Garaboa
  • Vogal 2: Susana Gey Piñeiro

Evolución da Cooperativa

Los comentarios están cerrados