Pablo Álvarez (Nosa Enerxía): “A industria 4.0 pode axudarnos a dar unha maior soberanía enerxética ás persoas socias da cooperativa”

pabloalvarez-nosaenerxia-info-opt

1.- Que entende o equipo de Nosa Enerxía por industria 4.0?

A industria 4.0 aínda é un fenómeno emerxente, do que queda por ver cales serán as súas consecuencias, non só para o sector enerxético, senón para toda a economía. En Nosa Enerxía consideramos que pode ser unha oportunidade para desenvolver a transición enerxética, logrando unha participación máis activa e necesaria das persoas usuarias.

2.- Como cres que afectará a industria 4.0 ao sector enerxético?

Consideramos que transformará o concepto de xestión da enerxía que temos por outro que sexa máis eficiente co rendemento, a distribución e a xeración enerxética. Temos os exemplos como o modelo de smart city, as denominadas redes intelixentes (smart grid) e no almacenamento eléctrico, entre outras.

3.- Na vosa cooperativa, en que aspectos considerades que debedes adaptarvos á nova industria?

Debemos avanzar máis na dixitalización da xestión da enerxía, que é clave para lograr unha maior eficiencia, ademais de apostar polas posibilidades da industria 4.0 como un medio que nos axude a democratizar e dar maior soberanía no eido das enerxías renovables ás persoas socias da cooperativa.

4.- Que tecnoloxías 4.0 serán clave para esta adaptación? IoT? Sistemas ciberfísicos? Algún exemplo práctico?

Por exemplo, no caso do consumo enerxético en edificios e vivendas, desde hai algúns anos xa se veñen desenvolvendo proxectos de monitorización enerxética que permiten unha maior eficiencia e aforro no consumo. Trátase de sistemas que utilizan sensores para a recollida de datos, distribuídos por todo o edificio, que analizan o comportamento da persoa usuaria e, desta forma, optimizan o uso da enerxía en función dos hábitos das persoas inquilinas. Isto precisa de tecnoloxías como big data e o Internet das Cousas.

5.- Que pode achegar a economía social ao novo panorama das tecnoloxías 4.0?

Da mesma forma que sucedeu nas anteriores revolucións industriais, que sempre terminaron supoñendo un progreso para a sociedade, a economía social permite achegar humanidade no traballo e poñer ao servizo das necesidades da xente as vantaxes destas tecnoloxías, por riba do afán de lucro, e buscando unha mellor sustentabilidade social, medioambiental e existencial.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *