Comercialización

  • Que é unha comercializadora de enerxía eléctrica?

Actualmente, no sistema eléctrico existen tres tipos de empresas que desenvolven as seguintes tarefas:

Empresa produtora: É a que produce ou fabrica a electricidade para logo inxectala na rede eléctrica.

Empresa distribuidora: É a propietaria das redes eléctricas que discorren por todo o territorio ata chegar ás nosas vivendas. Tamén fai a lectura dos contadores da luz.

Empresa comercializadora: É a encargada de comprar, vender e facturar a enerxía eléctrica, segundo as tarifas que teña en cada momento a enerxía eléctrica, ás persoas consumidoras finais.

Nosa Enerxía é unha cooperativa comercializadora de enerxía de orixe 100% renovable e certificada.

  • Cal é o ámbito de subministro de Nosa Enerxía?

Polo de agora, o noso ámbito de subministro de enerxía eléctrica é estatal, exceptuando Ceuta, Melilla, as Illas Canarias e Baleares.

  • Para consumir electricidade hai que ser persoa socia?

Actualmente, ofrecemos o servizo de subministración de enerxía de orixe renovable ás persoas socias da cooperativa, xa que consideramos que é importante que vaia medrando día a día a masa social da cooperativa para que, deste xeito, se fortaleza a estrutura e se acaden os obxectivos da cooperativa.

  • Quen pode contratar subministro de electricidade?

Poderá contratar o subministro de luz calquera persoa socia que o desexe, e que teña a seguinte tarifa:

Tarifa 2.0A con e sen discriminación horaria: para potencias contratadas de ata 10 kW. Este tipo de tarifa é común en casas, pisos, pequenos comercios, oficinas, etc.

No futuro, temos previsto ofrecer tarifas para aquelas persoas socias que teñan potencias contratadas de máis de 10 kW.

  • Podo ter o bono social con Nosa Enerxía?

As únicas empresas autorizadas para ofrecer o bono social son as comercializadoras de último recurso (CUR). Nosa Enerxía non é unha CUR.

Para máis información, clica aquí.

  • Podo ter a “tarifa de último recurso” (TUR) con Nosa Enerxía?

Nosa Enerxía non é un comercializadora de último recurso (CUR), e polo tanto, non podemos ofrecer a tarifa de último recurso.

  • Que prezos teñen as tarifas de Nosa Enerxía?

Ver tarifas.

  • Cantos contratos de luz pode ter cada persoa socia?

Cada persoa socia poder ter todos os contratos que queira, sempre e cando estes estean ao seu nome.

Asemade, existe a posibilidade de que cada persoa socia se responsabilice/avale ata un contrato de luz doutros titulares. Isto significa que a persoa socia que avala se responsabiliza das débedas do contrato da persoa avalada. Con esta fórmula, as persoas que non estean convencidas ou non poidan asociarse á cooperativa poden contratar o subministro de electricidade se unha persoa socia de Nosa Enerxía as avala.

  • Podo contratar o subministro de luz se estou en alugueiro?

Como persoa que usa e paga o servizo do subministro eléctrico, podes elixir a compañía comercializadora que desexes. Podes facer o cambio de comercializadora mantendo o nome da persoa propietaria, ou poñelo ao teu nome; calquera opción é posible.

  • Como fago o cambio de compañía comercializadora?

No momento que sexas persoa socia da cooperativa, xa podes contratar a luz enchendo o formulario “Contratar”. Para este proceso, só necesitas o teu número de persoa socia, o teu DNI e unha factura recente da luz.

Cando cumprimentes e nos envíes o formulario, xa nos encargamos de facer todas as xestións para efectuar o cambio de subministradora de electricidade.  Este proceso dura entre 15 días e tres meses, polo que che informaremos dos progresos do proceso.

  • Se cambio de comercializadora, teño que modificar a miña instalación eléctrica?

Se decides pasarte a Nosa Enerxía, non necesitas cambiar a instalación eléctrica, xa que unicamente cambias a compañía que che vai facturar a luz, segundo as súas tarifas.

  • Voume quedar sen luz cando faga o cambio?

No proceso de cambio da compañía actual a Nosa Enerxía non te vas quedar sen subministro eléctrico, xa que a túa vivenda ou negocio van seguir conectados á rede eléctrica e polo tanto non che vai faltar o subministro de electricidade.

Cando decides cambiar de comercializadora de electricidade só cambias a compañía que che vende e factura a electricidade.

  • De quen é o contador da luz?

O contador da luz pode ser da empresa distruidora ou teu. Para saber de quen é o contador só tes que consultar a túa factura da luz. Se che están a cobrar un concepto que se chama “Alquiler de equipos de medida”, ou semellante, o contador é da empresa distribuidora, e polo tanto, estás a pagar o alugueiro do contador. Se non che aparece isto na factura, o contador é teu.

  • Quen fai a lectura do contador da luz?

A empresa distribuidora é a encargada de ler os contadores e, a continuación, envía as lecturas á empresa comercializadora. Unha vez que a comercializadora dispón das lecturas dos contadores, fai a facturación da electricidade, segundo as súas tarifas, ás persoas consumidoras finais.

Por outra banda, as distribuidoras están obrigadas a facer unha lectura real cada dous meses e, no caso de que as persoas encargadas de facer as lecturas non poidan acceder ó teu contador, existen varias posibilidades:

– Nos bloques de pisos, o persoal das distribuidoras adoita deixar unha ficha para que cada persoa anote a súa lectura e a envíe por correo postal gratuíto.

– Pódese chamar á distribuidora para dar a lectura por teléfono.

– Outras, segundo o caso.

  • A quen chamo en caso de avaría na rede eléctrica?

Calquera problema que haxa na rede eléctrica –baixadas de tensión, cortes de subministro, etc.– é competencia da empresa distribuidora da túa zona, xa que é a encargada de manter en bo estado devanditas redes. O teléfono de contacto coa distribuidora da túa zona figura na túa factura da luz.


Necesitas máis axuda? Contacta.

Actualizado o 2016-03-13

Los comentarios están cerrados