Dúbidas sobre a Cooperativa

 

  • Que é Nosa Enerxía?

Nosa Enerxía é unha cooperativa de uso e consumo, e sen ánimo de lucro, cuxo obxecto é comercializar enerxía de orixe renovable certificada. Deste xeito, as persoas socias da cooperativa aportan o seu gran de area para cambiar o modelo enerxético actual e evolucionar cara a un modelo 100% renovable e sustentable.

Subir

  • Vantaxes de asociarse

A persoa socia da cooperativa pode acceder aos servizos que se van xerando para os membros da cooperativa. O valor engadido de asociarse a Nosa Enerxía reside na posibilidade de participar no desenvolvemento da cooperativa a través dos grupos de traballo e na asemblea, onde cada persoa socia ten voz e voto.

Subir

  • Cales son os estatutos da cooperativa?

Podes atopar os estatutos da cooperativa aquí.

Subir

  • Quen pode ser socia/o?

Calquera persoa física ou xurídica (cooperativa, empresa, asociación, fundación, comunidade de veciños, etc.) pode ser persoa socia da cooperativa. Para asociarse só se debe encher o formulario e facer a achega correspondente ao capital social.

En Nosa Enerxía existen dous tipos de persoas socias:

  •  Persoas socias consumidoras: Son todas aquelas persoas que consumen os produtos e servizos da cooperativa. Para ser persoa socia consumidora cómpre facer unha achega de 100 € ao capital social, unha soa vez, e retornables en caso de que se deixe a cooperativa. Non hai cotas.
  • Persoas socias colaboradoras: Son todas aquelas persoas que non consumen os produtos e servizos da cooperativa, pero colaboran no desenvolvemento da cooperativa. Para ser persoa socia colaboradora cómpre facer unha achega de 200 € ao capital social, unha soa vez, e retornables no caso de que se deixe a cooperativa. Non hai cotas.

As persoas socias consumidoras e colaboradoras teñen os mesmos dereitos e deberes na cooperativa.

Subir

  • Podo asociarme se vivo fóra de Galicia?

Calquera persoa pode asociarse a Nosa Enerxía, independentemente do seu lugar de residencia. A cooperativa é un proxecto aberto a todas aquelas persoas que desexen participar na mesma.

Subir

  • Como asociarse?

Só tes que encher o formulario “Asóciate” e facer a achega correspondente ao capital social da cooperativa, dependendo do tipo de persoa socia que desexes ser (consumidora ou colaboradora). A achega ao capital social págase unha soa vez, e non hai outras cotas.

Logo de facer o anterior, enviarémosche ao teu enderezo electrónico unha mensaxe informando de que recibimos a túa solicitude. A continuación, enviarémosche pola mesma canle, e na maior brevidade posible, a confirmación da túa alta na cooperativa e o teu número de persoa socia, co que podes acceder ao resto de formularios da web.

No caso de que queiras deixar de ser persoa socia da cooperativa, váiseche devolver a achega segundo a situación económica da cooperativa.

Subir

  • Cales son os riscos de ser socia/o?

Se Nosa Enerxía chega a unha situación de insolvencia, na que non poida pagar as súas débedas, a persoa socia só responde co capital achegado no seu día para ser persoa socia da cooperativa. Polo tanto, e no peor dos casos, a persoa socia só perdería a achega ao capital social e as achegas voluntarias.

Non existen responsabilidades de tipo patrimonial, legal ou de outro tipo.


Necesitas mais axuda? Contacta

Actualizado o 2016-03-12

Los comentarios están cerrados